Xornadas de Exaltación do Grelo de Verán
Os días 12 e 13 de setembro celebraranse no restaurante Domenica (R. Curros Enríquez, 18, 32003 Ourense) as Xornadas de Exaltación do Grelo de Verán, unha iniciativa que busca poñer en valor as posibilidades deste produto galego e promover o seu consumo máis aló da súa tempada tradicional.
As xornadas enmárcanse no proxecto GREINNOVA financiado pola GAIN no que participa o Centro Tecnolóxico da Carne, orientado á revitalización do grelo e á desestacionalización tanto da súa produción como do seu consumo.
O proxecto aposta tamén pola innovación e a tecnoloxía aplicada ao sector, especialmente mediante a automatización dos labores de cultivo e recolección. Neste ámbito, estase a traballar no deseño e posta en marcha de La Greleira, unha colleitadora desenvolvida especificamente para facilitar a recolección do grelo.
No ámbito gastronómico, as xornadas contarán coa participación de Flavio Morganti, un dos socios do proxecto, que presentará diferentes elaboracións a base de grelos de verán e novas propostas gastronómicas, mostrando as posibilidades deste produto desde unha perspectiva innovadora.


