BOLSAS DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR PARA FORMACIÓN DE TECNÓLOGOS E PERSOAL DE APOIO 2014
1.- BASES
Orde do 14 de maio do 2014 (DOG nº 109, do 10 de xuño do 2014) pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os titulados recentes en especialidades agrarias, forestais, Veterinaria, Tecnoloxía dos Alimentos e Bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e titulados recentes de formación profesional da familia Agraria, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE).
2.- PRAZAS CONCEDIDAS AO CTC
- 6 : Licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos ou Veterinaria ou Química ou Enxeñería Agrónoma ou Enxeñería Técnica Agrícola ou Bioloxía.
- 6: Titulación ciclo superior da familia Química ou da familia de industrias Alimentarias ou da familia Agraria.
3.- CARÁCTER DAS BOLSAS
Consistirán nun programa formativo titorizado que se desenvolverá nas instalacións da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne. A concesión obriga ao cumprimento das condicións de funcionamento, horario, presenza física e instrucións do titor nomeado pola entidade. As persoas beneficiarias integraranse no réxime xeral da Seguridade Social.
4.- BENEFICIARIOS/AS
- Condicións previas: ter veciñanza en Galicia, ou ser natural de Galicia, ou ser descendente ata 3º grao de emigrantes galegos no exterior.
- Para o caso dos tecnólogos os beneficiarios serán as persoas recentemente tituladas nas especialidades que se indican no Anexo I da orde.
Entenderase por recentemente titulado aquela persoa que obtivo a titulación entre o 9 de xullo do ano 2013 e a data de remate do prazo de presentación de solicitude destas bolsas (10/07/2014).
- As bolsas de prácticas nos centros de formación e experimentación agroforestal que se relacionan no Anexo I, poderán ser solicitadas por alumnos que durante o curso 2013-2014 estean realizando ensinanzas profesionais dos ciclos medio ou superior nalgún centro de formación autorizado.
- As bolsas de prácticas en empresas poderán ser solicitadas por enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas, enxeñeiros de montes, enxeñeiros técnicos forestais, licenciados en veterinaria, licenciados en ciencia e tecnoloxía dos alimentos e licenciados en bioloxía.
5.- DURACIÓN E IMPORTE
- As bolsas para a formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación terán unha duración de 4 meses (entre xuño e novembro). O importe económico por mes de prácticas será de 1.000 € para tecnólogos e 800 € para persoal de apoio.
- Para titulados e alumnos de segundo cursos en ensinanzas de formación profesional terán unha duración de 3 meses (xullo – outubro) e o importe económico por mes de prácticas será de 800 €.
- Para os titulados recentes de prácticas en empresas terán unha duración de 3 meses (xullo – outubro), e o importe económico por mes de prácticas será de 1.000 €.
6.- PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
- As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, para o que se require DNI electrónico ou certificado electrónico.
- Prazo de presentación é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Fin: 10 de xullo do 2014.
- Unha vez rematada o prazo de solicitude, as listas de provisionais de admitidos e excluídos estarán a consulta na web da Consellería do Medio Rural e Mar no apartado de formación:
http://www.medioruralemar.xunta.es/anuncios/formacion/vixentes/investigacion_e_formacion/
7.- QUE OFRECE A FUNDACIÓN CENTRO TECNOLÓXICO DA CARNE
- Labores na Planta Piloto: As prácticas a realizar consistirán no desenvolvemento e aplicación dun plan APPCC, control de procesos, trazabilidade e, en xeral, todos os requisitos para a xestión dun sistema de seguimento dos puntos de control, mantemento de rexistros, establecemento de accións correctivas, caracterización de canal de diferentes especies e razas de animais, produtos de IV e V gama, desenvolvemento de novos produtos cárnicos e novos procesos, envasados, etc.
- Labores na Oficina de Proxectos: nesta área, as prácticas terán que ver coa execución de proxectos de I+D+i, é dicir, documentación dos seus proxectos de xestión, asistencia na elaboración do plan do proxecto, obtención de indicadores de custo, tempo e calidade do proxecto, etc.
- Actividades de Transferencia Tecnolóxica: seguimento dos campos de ensaio que ten en marcha o centro, toma de mostras de auga, análise de terras, elaboración dun mapa de solos e augas, etc.
- Análises e traballos nos distintos laboratorios dos que dispón a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne: Laboratorio de Microbioloxía, Laboratorio de Bioloxía Molecular, Laboratorio de Fisicoquímica, Laboratorio de Cromatografía.
- Realización e preparación de catas.