Asogacarne e CTC reúnen a profesionais do sector cárnico nunha Xornada Técnica de Calidade
A xornada foi celebrada nas instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Ourense.
Os profesionais do sector cárnico galego participaron, dentro da “Xornada Técnica de Calidade” de carácter eminentemente práctico, co obxectivo de debater os retos da calidade do sector e promover a mellora dos estándares e, en consecuencia, a seguridade alimentaria.
A xornada, organizada pola Asociación Gallega de la Carne (Asogacarne) en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), foi inaugurada pola Directora Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, Patricia Ulloa Alonso, que na súa intervención destacou o potencial do sector cárnico en Galicia, que abrangue máis de 600 empresas, ofrece emprego a preto de 9.000 persoas e factura ao redor de 1.400 millóns de euros anuais.
Neste contexto inaugural, Adolfo Campos e Miguel Fernández, representantes de Asogacarne e CTC respectivamente, tamén resaltaron a calidade do noso sector cárnico ao igual que a necesidade de xuntar e sumar esforzos entre a patronal e o centro de I+D+i, para a mellora e desenvolvemento de proxectos, procesos, produtos innovadores e o seu consecuente incremento do valor engadido na cadea de transformación.
A primeira parte da xornada permitiu abordar as actuais novidades lexislativas en temáticas da etiquetaxe e a calidade de derivados cárnicos. Para iso, o representante do Servizo de Control de Calidade Alimentario da Consellería do Medio Rural e do Mar, José María García Eive, analizou os cambios en lexislación de etiquetaxe de produtos alimenticios a consecuencia do novo Regulamento 1169/2011, onde se establece a base para garantir un alto nivel de protección dos consumidores en relación coa información alimentaria que se transmite nos produtos.
Aspectos como a información nutricional, a data de conxelación, o país de orixe, os ingredientes, a indicación da tripa non comestible e dos alérxenos ou mesmo o tamaño de letras serán algúns cambios, que se levarán a cabo a partir do 13 de decembro deste mesmo ano.
Dentro deste bloque de novidades lexislativas, tamén se abordou o proxecto de Real Decreto de Norma de Calidade de Derivados Cárnicos, o cal actualizará as vixentes normas de calidade e regulamentacións técnico sanitarias de alimentos elaborados. Esta norma, está destinada aos derivados cárnicos que se comercializan en España e nela recóllese a caracterización destes en función do tratamento térmico realizado, os factores de composición e calidade, a etiquetaxe e as características fisicoquímicas.
No ámbito de retos de calidade para o sector cárnico contouse coa participación do centro AINIA para a mesa de debate, onde se expuxeron os distintos puntos de vista sobre as cuestións de calidade que máis preocupan aos empresarios do sector cárnico galego.
Por último, a xornada concluíuse cunha demostración de arrefriamento de masa cárnica da man da empresa Abelló Linde, na planta piloto do CTC.