O consorcio do Grupo Operativo DIXITEGA achega ao CFEA de Sergude o proxecto para dixitalizar a cadena de valor da IGP Ternera Gallega
O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IGP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo DIXITEGA continúa para ter lista a plataforma tecnolóxica a finais de 2024. Tras o seu inicio en 2022, o proxecto atópase inmerso na terceira fase de traballo de desenvolvemento e testeo da aplicación e, en paralelo, están a realizarse varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector.
Neste primeiros tres meses do ano programáronse cinco sesións na EFA Fonteboa (Coristanco) e no CFEA de Sergude (Boqueixón) co obxectivo de achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras de Galicia ao uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. En xeral, o alumnado destes centros de formación son nativos dixitais e excelentes prescritores de ferramentas e aplicacións na súa contorna máis próxima. As formacións, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, unha das entidades colaboradoras do Grupo Operativo DIXITEGA.
O pasado 25 de xaneiro tiveron lugar as dúas primeiras charlas no Centro de Formación Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) con alumnado do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio de Gandería.
Tres sesións en Boqueixón
O luns, 4 de marzo, a formación continuou no CFEA de Sergude con outras dúas sesións de 9:00 a 11:00 horas dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción Agropecuaria e do ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas 2.0, mostraranse exemplos de aplicacións prácticas para as ganderías como Contaláctea ou Contacarne. O equipo de DIH DATAlife tamén repasará casos de éxito de uso das TIC no sector agropecuario.
En próximas datas está prevista unha sesión práctica no uso de ferramentas dixitais avanzadas para os alumnos do ciclo superior Gandería e Asistencia en Sanidade Animal.
Estado da aplicación DIXITEGA
O verán pasado, os socios do GO DIXITEGA abriron un proceso participativo para consultar a opinión a unha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento durante o que se constatou a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible para a IGP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes de datos públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da Indicación Xeográfica dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións.
Ao mesmo tempo, a implementación das TIC facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto económica como social e ambientalmente. Resólvese, deste xeito, unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro.
O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.