O Centro Tecnolóxico da Carne e Cruz Vermella Española colaboran na inserción de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social
O Centro Tecnolóxico da Carne acolleu esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre esta entidade e Cruz Vermella Ourense, co obxectivo de contribuír á formación e capacitación de persoas sen experiencia profesional no sector cárnico de cara a súa inserción laboral.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar a realización, por parte dos alumnos, de prácticas formativas para conseguir un contacto directo co ambiente laboral real, coñecer a organización produtiva correspondente ao perfil profesional respectivo e o sistema de relacións profesionais do centro de traballo, co fin de facilitar a súa futura inserción profesional.
Como primeira actividade do convenio de colaboración, hoxe deu comezo tamén un curso de carnicería e elaboración de produtos cárnicos cunha duración de 80 horas, repartidas en 40 horas teórico-prácticas e outras 40 prácticas, dirixido a persoas de colectivos en risco de exclusión social seleccionados pola agrupación provincial ourensá de Cruz Vermella Española.
A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne é unha entidade pública dependente da Xunta, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, que ten por obxecto o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico.
Neste caso, a súa colaboración con Cruz Vermella Española céntrase nos programas formativos con inmigrantes en dificultade social, de motivación, activación e acompañamento cara ao emprego, os itinerarios integrados de inserción para persoas desfavorecidas e outros proxectos de inserción sociolaboral. Trátase de facilitar que o alumnado que participe nestes programas desenvolva as prácticas necesarias para acadar unha síntese máis personalizada e completa da súa formación cara o mellor desempeño do seu futuro labor profesional.