Presentación do “Manual do Porco Celta”

Presentación do “Manual do Porco Celta”


Santiago, 17 de abril de 2013.- O número de ganderías dedicadas á cría do porco celta en Galicia supera xa o número de 350 e desde o ano 2009 o censo de animais reprodutores medrou nun 9%. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación do “Manual do porco celta”, editado pola Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, que depende do seu departamento.

Esta obra, que incorpora abundante información sobre diferentes aspectos relacionados con esta raza, a súa cría e as características da súa carne, publicouse en colaboración coa asociación de produtores Asoporcel e co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria.

Posta en valor
Rosa Quintana destacou o compromiso da Xunta a prol da posta en valor das nosas razas autóctonas –e moi especialmente do porco celta– que supón “a valorización do máis senlleiro das nosas producións agrogandeiras”.

A conselleira indicou que desde a Xunta se traballa no fomento desta riqueza fundamentalmente a través de catro liñas de traballo: o impulso ao Programa de Recursos Zooxenéticos Autóctonos de Galicia en Perigo de Extinción; as axudas aos produtores; as medidas legais de fomento –entre as que salienta a norma sobre porcino extensivo– e as accións de promoción e apoio á comercialización.

En relación co Programa de Recursos Zooxenéticos, Rosa Quintana indicou que o seu éxito reflíctese pola evolución favorable dos censos destas razas autóctonas.

Decreto
Con respecto ao decreto sobre porcino extensivo, salientou que con el a Xunta creou as condicións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento destas producións, impulsando ao tempo o aproveitamento ordenado dos recursos naturais do noso agro.

Engadiu que esta norma parte do feito de que a explotación de porcino en extensivo representa unha clara opción na diversificación da actividade gandeira e dos usos do monte, do que xa se están a dar experiencias positivas por toda Galicia. Unha diversificación que permite aproveitar recursos endóxenos do territorio, caso das landras, castañas, raíces e demais elementos que serven para a alimentación dos animais.

Manual
O manual presentado hoxe é unha obra conxunta de 20 expertos e investigadores do propio Centro Tecnolóxico da Carne, Asoporcel, as universidades de Vigo e Santiago e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Nas súas 286 páxinas, estruturadas en oito capítulos, un epílogo e 2 anexos, incorpora, entre outros aspectos, información sobre a raza; sistemas de produción; características da súa carne, embutidos e outros produtos derivados.

Fontewww.xunta.es

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información

ACEPTAR
Aviso de cookies