Laboratorio de Cromatografía
O Laboratorio de Cromatografía dispón do equipamento necesario para a determinación de compostos de interese no ámbito agroalimentario, dende o punto de vista nutricional, organoléptico, hixiénico-sanitario e ambiental.
As técnicas instrumentais teñen como obxecto o estudo da composición da materia mediante a determinación de diferentes especies químicas a través da medida das súas propiedades físicas.
A cromatografía é unha técnica instrumental que agrupa un conxunto importante e diverso de métodos, que permiten a separación de compoñentes intimamente relacionados en mesturas complexas. A clasificación máis fundamental dos métodos cromatográficos baséase na clase de equilibrios implicados na transferencia de solutos entre unha fase estacionaria e unha fase móbil líquida, gasosa ou de fluídos supercrítricos.
Os métodos espectrométricos son un extenso grupo de métodos analíticos que se basean na espectroscopía atómica e molecular, ciencia que trata as distintas interaccións da radiación coa materia. Algúns métodos espectrométricos destacables son a espectrofotometría UV-visible e de IR e as espectrometrías de emisión con fontes de plasma.
Equipos do Laboratorio de Cromatografía
- Calorímetro de camisa compensada
- Cromatógrafo de gases (GC), equipado cos detectores FID e MS
- Cromatógrafo de líquidos de alta resolución (HPLC), equipado cun colector de fraccións e os detectores PDA, fluorescencia e IR
- Espectrofotómetro de emisión óptico por plasma de acoplamento inductivo (ICP-OES)
- Espectrofotómetro UV-visible